Monday 29 de April de 2024

Quince persoas participaron nun curso de coidador e acompañante de bus escolar


Coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais, a Fundación Amigos de Galicia realizou nos pasados meses en Riveira un curso de formación de coidador e acompañante de autobús escolar, que estivo dirixido a persoas sen recursos e no que tiveron a oportunidade de participar un total de quince persoas.

O Centro Cultural Lustres Rivas serviu de escenario hoxe da entrega de diplomas desta acción de 400 horas lectivas, coa participación do alcalde Manuel Ruiz, Jesús Busto en representación da Fundación Amigos de Galicia, e a traballadora social Noelia Romero.

Durante a súa intervención, o rexedor municipal resaltou a idoneidade desta iniciativa, tanto para dar a posibilidade aos participantes de insertarse no mercado laboral, como tamén para acadar a integración dalgunhas das persoas asistentes, que procedían doutros países e tiveron a oportunidade así de relacionarse con outros veciños naturais da localidade riveirense.

Sector pesqueiro
Ruiz Rivas quixo agradecer o labor da Fundación Amigos de Galicia e anunciou que o vindeiro curso que van ofrecer en Riveira versará sobre o sector pesqueiro: “a nosa forma básica de economía, que coa próxima apertura da nova lonxa de seguro que permitirá crear novos postos de traballo”, sinalou.